Publicidade

Diário Liberdade
Terça, 11 Outubro 2016 05:29 Última modificação em Sexta, 14 Outubro 2016 13:29

O Marxismo e a Guerra das Gaitas

Avalie este item
(1 Voto)
País: Galiza / Cultura/Música / Fonte: CM/DL

[Cesar Mouriño] De tódolos conflitos que existen arredor da cultura galega, as súas orixes e a súa conformación na actualidade, un dos máis destacados, ademais dos relacionados coa vestimenta tradicional e por suposto a propia lingua galega é o conflito en relación á música tradicional galega e á gaita galega. O problema deste conflito é que se sabe o momento concreto en que naceu e a causa concreta pola que naceu.Vamos a aportar un punto de vista, do que podería denominarse como unha análise marxista do conflito.

O proxecto e legado de Xosé Luís Foxo

Como ben é sabido, o nome deste empresario courelao ocupa a primeira plana, por non dicir case a única plana, do corpo do conflito, pois no ámbito empresarial, o resto das planas son ocupadas por aprendices das súas artes empresariais, repartidos e repartidas por toda Galiza.

O seu proxecto e legado, consistiu nunha aventura empresarial, de carácter moi rendible e produtiva, polo mundo da música e a cultura tradicional galegas, o problema reside en que este proxecto, para ser viable e rendible, precisaba pasar por enriba da cultura tradicional galega a costa de implantar un modelo creado a partir dun fervor e unha devoción persoal por unha cultura allea, como ben se leva demostrado no caso do señor Foxo coa cultura escocesa, ademais, e isto é o peor de todo, unha obsesión e unha teima pola revisión da historia, tanto da cultura como da música tradicional galegas, baixo os seus intereses, o que fai que se estableza de facto, a postura que podemos considerar oficialmente como a postura revisionista dentro da guerra das gaitas, contraria ás posturas tradicionais ou ortodoxas, que desbotan o modelo implantado por Foxo.

O modelo de Foxo

Tomando como base a cultura escocesa, o modelo do señor Foxo fíxose patente en parte das numerosas bandas de gaitas da Galiza, bandas cuxo momento álxido podemos encadrar na década entre o ano 1993 e o ano 2003.

Grazas o traballo de colectivos como o Colectivo en Defensa da Gaita, a través das súas análises, podemos coñecer e comprender os numerosos elementos da cultura escocesa presentes no modelo implantado por Foxo. En primeiro lugar atópanse as gaitas, que na versión de Foxo preséntanse coa disposición dos seus elementos cambiada: ronco e ronquetas cara arriba e a forma do fol rectangular e non redondeada. Dentro deste primeiro elemento, referido ás gaitas atópase a cuestión tecnolóxica. Nesta cuestión, Foxo introduciu elementos nunca vistos no panorama da cultura tradicional galega ata o momento da súa irrupción, como poden o pallón de plástico en vez de cana e o punteiro de polipenco en vez de madeira. No caso do pallón de plástico, arguméntase que este novo pallón actúa dunha maneira mais estable e mellor ante as variacións de temperatura e humidade, e no caso do punteiro de polipenco, arguméntase que así se deu paso a unha produción maior e de menor custo de punteiros para poder atender a toda a demanda de alumnado que houbo, sobre todo no período entre 1993 e 1998. Curiosamente este último argumento da demanda de alumnado é un dos principais argumentos cos que xustifican o propio impulso da creación de bandas de gaitas, aludindo a que o formato clásico da agrupación de música tradicional era un formato insuficiente, incluso certos sectores chegaron a cualificar a este formato como obsoleto.

En segundo lugar, referente á percusión, neste modelo é incuestionable que non se utiliza percusión galega, nin na morfoloxía externa dos instrumentos, nin nos ritmos musicais que se lle aplican as pezas, nin no xeito e técnica de execución, nin, por suposto, no son final resultante, ademais concretamente en relación a marca de percusión Premier, para este modelo, este tipo de percusión é máis axeitada que a tradicional pois, segundo eles, adáptase mellor, aportándolles unha maior sonoridade.

En terceiro lugar, no referente á vestimenta defendida polo modelo instaurado polo señor Foxo, é unha realidade, que ata agora ningún estudio de rigor puido identificar o exposto polo modelo de Foxo coa cultura de Galiza, a pesar de que Foxo e sectores afíns seguen a porfiar sobre bases iconográficas e investigacións.

En cuarto lugar, igual de importante que o resto, está a cuestión referente á introdución de repertorio non galego de xeito maioritario e progresivo onde abundan sons de percusión militar e escalas musicais foráneas, ademais da notable e rechamante modificación de gran parte das pezas galegas, entre outros fenómenos que só poden conducir á desnaturalización do pouco repertorio galego que tocan, xa que a este se lle aplican ritmos, percusións e ornamentacións melódicas diferentes ás galegas.

En quinto lugar, está a cuestión referente á normalización e institucionalización da formación, cuestión que presenta dous elementos de alarma fundamental: por unha parte dicir que, por tanto, as técnicas formativas tampouco son galegas, xa que para estudalas e perfeccionalas ben traen profesores de Escocia e a Bretaña para impartir as aulas. Por outra parte, un dos puntos máis doentes deste conflito son as consecuencias formativas para estes miles de rapaces dado que están a recibir unha información castrada, edulcorada polo que están sendo educados no autodesprezo ó que é da terra e que en definitiva lles están ocultando de maneira intencionada un grande número de aspectos da nosa cultura e tradición.

En último lugar e non por iso menos importante, é o propio concepto que supón unha banda de gaitas, que se ben se pode adaptar na nación galega, collendo unha formación tradicional galega e adaptando a loxística numérica de músicos ata formar o entendido como banda de gaitas, é un concepto que xeralmente nunca estivo arraigado na cultura e na música tradicional galegas, na maneira que si o estivo por exemplo en nacións como a escocesa.

Estes elementos mencionados son, en liñas xerais, os que configuran o modelo que contempla o proxecto do señor Foxo, que como vimos, non constitúe en absoluto un proxecto musical nin cultural, senón un proxecto empresarial, que mesmo as institucións autonómicas galegas recoñecen, como foi o caso da afirmación do expresidente da Deputación de Ourense, Xosé Lois Baltar, feita diante da Asociación de Gaiteiros e doutros colectivos, de que ´´eles sabían que aquilo era un invento, é máis, que non lles importaba que non fose galego, pois o invento funcionaba moi ben e que tiñan moitos cartos investidos nel ''.

A análise marxista da ''Guerra das gaitas ''

Decidín realizar unha análise deste fenómeno baixo postulados marxistas por dúas razóns principalmente: en primeiro lugar pola miña condición de marxista e en segundo lugar porque esta guerra particular tamén chega ó espazo do debate marxista, xerando numerosas visións que se enfrontan entre si.

Para realizar esta análise, dende o marxismo sabemos que, en relación á cuestión nacional, é preciso partir dunha premisa fundamental: a existencia dunha nación ven delimitada por catro elementos que deben darse en conxunto, estes elementos son a lingua, o territorio, a economía e a cultura. No caso da "Guerra das gaitas", o elemento que estará en disputa é a cultura.

Pois ben, temos que ter presente que a cultura, como elemento identificador da nación non pode ser modificado baixo unha construción artificial de enxeñaría social, pois é a propia nación a que usa a súa cultura como un dos instrumentos para o recoñecemento do dereito á autodeterminación por parte desa nación. A cultura é un proxector da realidade material en cada momento de cada nación, polo tanto é un elemento nun proceso permanente de cambio e este proceso non pode, e isto non o creo, isto o afirmo, non pode ser interrompido por un delirio dunha elite para os seus propios fins e beneficios.

No debate marxista sobre a cultura sempre, xurde o debate en torno á constante modificación da simboloxía dunha nación, como parte da súa cultura. Falamos neste caso da creación de simboloxía que substitúa á antiga, principalmente as bandeiras, os escudos e os himnos. E estes casos de creación dunha simboloxía nova responden, na maioría dos casos ás consecuencias dalgún proceso, en maior ou menor medida, revolucionario e/ou emancipatorio.

É aí onde radica o fundamental do debate, e é entender a función da simboloxía dunha cultura para así entender que a simboloxía é excepcionalmente o único campo da cultura que se pode modificar, precisamente porque a súa función da simboloxía é a de facer constar unha realidade sociopolítica concreta, pero non segundo a segundo como así fai constar a cultura en xeral, senón encadrada nunha etapa histórica concreta.

Poñamos como exemplo a transición entre dúas realidades políticas: o Imperio Zarista Ruso e a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS). Unha vez finalizada a Revolución Bolchevique, decidiuse cambiar a bandeira zarista pola bandeira soviética, porque entendían que a simboloxía zarista xa non podía representar e facer constar a nova etapa histórica e era necesaria outra simboloxía que si a fixese constar. Un suceso histórico que reforza esta tese é a afirmación extraída do primeiro Congreso dos Soviets da URSS en decembro de 1922, finalizada a revolución, de que a bandeira do movemento comunista debe converterse na bandeira oficial estatal, precisamente por todo o que acabo de explicar. Agora ben, ninguén obvia, a pesar do mencionado, que se ben é certo que nese momento era necesaria unha nova simboloxía, tamén é certo que as distintas culturas nacionais do futuros pobos soviéticos non cambiaron nun minuto a outro por descolgar a bandeira zarista e izar a bandeira soviética. Por outra parte, cando se dá a desintegración da URSS en 1991, o himno da creada Federación Rusa cambia a súa letra respecto do himno soviético, pero mantén sen embargo a melodía intacta, precisamente porque se entende, incluído dende as elites burguesas oportunistas que dinamitaron a URSS, ignorando o resultado do referendo de conservación, que esa melodía xa forma parte ineludible da cultura rusa, vendo aquí que incluso existen casos onde a simboloxía, excepcionalmente o único campo da cultura que se pode modificar, non se modifica.

Velaquí a explicación de porque a simboloxía é excepcionalmente o único campo da cultura que se pode modificar, entendida esta principalmente como o referido a bandeiras, escudos e himnos.

Agora ben, unha das múltiples visións do debate marxista en torno á cultura e neste caso á cultura galega, a raíz do fenómeno da Guerra das gaitas, é a que sostén que o proxecto do señor Foxo é totalmente lexítimo precisamente porque tamén historicamente se rachou coa simboloxía do Reino de Galiza e se creou a principios do século XX unha bandeira nova, un novo himno e un escudo modificado.

Non vou volver a explicar o porqué da miña visión, cuxa tese principal é que a simboloxía é excepcionalmente o único campo da cultura que se pode modificar, o que si afirmarei, clara e rotundamente, respecto ás persoa defensoras da outra visión é que a través da súa visión evidencian un completo descoñecemento e unha completa incomprensión da opresión nacional e o colonialismo cultural que sufre a nación galega como nación oprimida, e afirmo isto sen caer en nacionalismos pois ata agora considereime patriota da miña nación e nunca nacionalista, recordemos por exemplo que en China e en Corea a antítese por antonomasia do comunismo foi sempre o nacionalismo e no caso da dinamitación da URSS e a República Federal Socialista de Iugoslavia, o principal axente que usaron burguesía e a oligarquía, para dita dinamitación, foi o nacionalismo.

Por outra parte, está a cuestión tecnolóxica. A pesar de todo os argumentos que presenta a postura revisionista, o primeiro que chama a atención é a contradición existente entre un intento constante de revisión da historia da gaita galega e unha implantación simultánea de materiais contemporáneos que rompen definitivamente coa historia, destacando por suposto todo tipo de plástico. En segundo, o que chama a atención, é que o debate en torno ós argumentos da postura revisionista non é un debate pechado, pois por exemplo, existen voces que consideran falaz a publicidade positiva que recibe o pallón de plástico. Nesta cuestión tecnolóxica considero fundamental, primeiramente que se peche o debate mencionado, para o cal é preciso un esforzo colectivo de entendemento e dialéctica entre todos os sectores sociais que engloban as dúas posturas: a tradicionalista e a revisionista. No meu caso, a experiencia persoal levoume, como no resto de cuestións a posicionarme na postura tradicionalista pois como gaiteiro comecei empregando pallón de plástico e levo moito tempo satisfeito da decisión de haberme cambiado ó pallón tradicional de cana.

Para finalizar, en relación á postura que combato, considero que basta con que nos paremos a pensar precisamente en quén é o motor modificador da cultura nun momento histórico concreto para entender se a súa modificación é lexitima ou non. Non é o mesmo unha modificación dada dende un proceso de acción das clases populares, é dicir da maioría, que unha modificación dada dende unha elite empresarial e academicista, é dicir da minoría, como un proxecto de enxeñaría social, baixos uns intereses concretos. Precisamente dende o corpo doutrinal liberal, unha das críticas menos rigorosas ós réximes comunistas era que a súa elite pretendía impoñer mediante enxeñaría social unha cultura nova ás clases populares dende arriba, nada mais lonxe da realidade. Diferenciemos entre enxeñaría social e unha especie de pedagoxía de estado.

En definitiva, deixémoslle á nación escocesa a súa cultura e vivamos e desfrutemos da nosa, porque por exemplo, ben é certo que a pesar de todo o que pasou en Rusia no 1917 e no 1991 en ningún deses dous anos se deixou de facer música rusa tradicional exactamente da mesma maneira e coa mesma estética e instrumentos, por iso é tradicional porque constitúe unha das múltiples simboloxías definidoras dunha realidade nacional-popular concreta.

Identificar ás elites en cuestión e ós seus intereses nesta guerra

En relación a Foxo, sen embargo, o feito que ocupa a plana da actualidade máis recente, a pesar de encadrarse entre marzo e abril do ano 2014, é o que certos sectores informativos denominaron como o intento de Foxo de separar á Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, mediante a intención de que a Real Banda pasase a estar rexida ou tutelada por una fundación, cuxa denominación oficial foi "Xosé Lois Foxo-Real Banda de Gaitas", sen o termo "da Deputación" que ate o de agora incluía, segundo consta o Rexistro das Fundacións de Interese Galego. Este foi un intento completamente fracasado, tralas medidas inmediatas tomada por Baltar que el mesmo cualificou de firmes e irrevogables.

Evidentemente, este movemento non responde máis que a unha guerra polo poder pleno, dun medio tan rendible e produtivo, como é a Real Banda e o seu desafogado estilo de vida a través das subvencións públicas, principalmente da Deputación de Ourense. Dado que estas subvencións seguirían sendo percibidas pola Real Banda, a pesar de que esta deixase de pertencer á Deputación, o único que se nos presenta é un enfrontamento entre dous sectores da pequena burguesía ourensá, o sector de Foxo e a Real Banda, por unha parte, e o sector de Baltar e a Deputación por outra. Este foi un enfrontamento, onde a moi desigual correlación de forzas beneficiou claramente a Baltar e á Deputación de Ourense.

Tras todo o enunciado, resulta moi doado darse de conta, de que evidentemente hai tecida unha rede de nomes, ademais de Xosé Luís Foxo e Xosé Manuel Baltar, que está detrás da perpetuación e sostemento deste proxecto.

En primeiro lugar está a Xunta de Galicia. Recordemos que despois de formarse o novo goberno municipal de Martiño Noriega na capital galega, bastou con esperar uns días para ver como a Real Banda de Gaitas de Foxo intervía na celebración do Día de Galiza, e o alcalde da capital, autodefinido como nacionalista galego, non consegue evitar esta intervención. Esa loita do alcalde da capital, tivo que ser contra o entorno de Núñez Feijoo, pois o baltarismo e a súa respectiva deputación na teoría non ten nada que ver en asuntos e cuestións dun concello que non sexa ourensán.

En segundo lugar está todo o aparato de opresión cultural á nación galega. Recordemos que é precisamente durante os anos 20 pero sobre todo nos anos 30, en tempos da República, cando os gaiteiros eran considerados artistas da música e a cultura e admirados como nunca antes se fixera. Posteriormente, dende o franquismo de posguerra ata o tardofranquismo, xa se encargaría o propio aparato represor do réxime, de aniquilar con especial énfase todo elemento cultural das nacións históricas do estado. Isto fixo que durante mais de corenta anos, a diferenza dos músicos das bandas de música, os gaiteiros e todo músico tradicional fosen considerados das mais menosprezadas maneiras, pouco menos que ´´lacazáns amigos do viño '', polo que durante o posterior esforzo pola redignificación do gaiteiro e a música tradicional, se dera un espazo en branco no coñecemento da poboación sobre este tema, o que fai moi doado que existan persoas que intenten sacar partido da recuperación dun completo e complexo patrimonio histórico, como acontece con Foxo e o seu actual legado.

En terceiro lugar e establecendo unha liña de unión entre os dous apartados anteriores, e froito da conxunción entre o foxismo e o fragismo, está precisamente ese proxecto idiosincrático pero anti-identitario, que Manuel Fraga denominaba como ´´un galeguismo por enriba de ideoloxías''. Ese proxecto limitábase basicamente a un pobre rexionalismo galego empapado de dereita wagneriana (de aí a creación de elementos como as gaitas marciais), onde por exemplo sempre se tentou impoñer o Antigo Himno do Reino de Galiza sobre o actual Hinmo Galego, pois nin Fraga nin Foxo ignoraron nunca o carácter de clase proletaria e popular que sempre presentou o actual Hinmo Galego, de aí precisamente que se use a denominación ´´un galeguismo por enriba de ideoloxías'', precisamente para deixar clara a sinatura do insistente e característico antimarxismo de Fraga. Recordemos cando Castelao, en referencia ó rexionalismo, o definía como algo ´´cativo,o rexionalismo, que non lle da nada a ninguén e que non serve para resolver os problemas máis sinxelos''.

Conclusión

Non podo concluír este artigo máis que cun chamamento, o chamamento a sermos conscientes de que o principio de autodeterminación dunha nación só se pode dar en consonancia coa loita desa nación por exercer dito principio. Esa loita ten moitas frontes e unha delas é a fronte cultural, a cal non é menos relevante que o resto de frontes que compoñen a loita dunha nación pola súa autodeterminación. Hai que ter presente que é precisamente, en momentos de crise dos movementos de liberación nacional, onde a fronte cultural se presenta como vangarda á hora de non perder posicións en relación á conciencia nacional, posicións que se volven a gañar cando o movemento de liberación nacional supera dita crise e a fronte política supera como vangarda á fronte cultural.

Agora somos conscientes de que dende hai varias décadas, unha parte da fronte cultural da nación galega, a referida á música e vestimenta tradicional, leva aguantando unha contaminación de carácter notable, principalmente na provincia de Ourense e sabemos que esa contaminación ven precisamente da clase empresarial da pequena e mediana burguesía e engloba a un conxunto de persoas entre as cales destacan as mencionadas ó longo deste artigo. É fundamental ter presente, que todo ese conxunto de persoas lograron implantar a postura revisionista, como unha doutrina asentada e aceptada socialmente, polo menos a curto prazo. Ademais, e non menos importante, debe quedar ben claro que non soamente se debe sinalar a todo este compendio de persoas, pois tamén en persoas contrarias ó revisionismo de Foxo se evidencian actitudes igual de revisionistas, como por exemplo a implantación do anelado de metal nos roncos e ronquetas, implantación hexemónica hoxe en día no mundo da gaita galega e argumentada baixo unha mellora estética, agora hoxe en día asequible, pero que sen embargo non presenta ningún argumento positivo en relación á sonoridade da gaita. Por iso e con independencia de que non é necesario ser marxista para enfrontarse á postura revisionista, considero concluír este artigo afirmando con rotundidade que toda persoa inmersa nesta parte da fronte cultural e que se considere marxista debe adoptar a postura tradicionalista en aras de ser consecuente ideoloxicamente, e afirmo isto, cunha proclama que resume todo o expresado no artigo e que vai dirixida a toda persoa consecuente coa realidade histórica e cultural galega, no referido á música e vestimenta tradicional, e que asume a loita na fronte cultural como unha parte dun total, entendido este total como a súa loita pola autodeterminación da súa nación. Esa proclama é: nin guerra entre gaitas nin paz entre clases.

Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Doaçom de valor livre:

Microdoaçom de 3 euro:

Adicionar comentário

Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.
Aviso sobre Dados Pessoais: De conformidade com o estabelecido na Lei Orgánica 15/1999 de Proteçom de Dados de Caráter Pessoal, enviando o teu email estás conforme com a inclusom dos teus dados num arquivo da titularidade da AC Diário Liberdade. O fim desse arquivo é possibilitar a adequada gestom dos comentários. Possues os direitos de acesso, cancelamento, retificaçom e oposiçom desses dados, e podes exercé-los escrevendo para diarioliberdade@gmail.com, indicando no assunto do email "LOPD - Comentários".

Código de segurança
Atualizar

Publicidade

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: diarioliberdade [arroba] gmail.com | Telf: (+34) 717714759

O Diário Liberdade utiliza cookies para o melhor funcionamento do portal.

O uso deste site implica a aceitaçom do uso das ditas cookies. Podes obter mais informaçom aqui

Aceitar