Publicidade

Diário Liberdade
Quarta, 21 Junho 2017 12:07 Última modificação em Sábado, 24 Junho 2017 23:25

Comunicados de organizaçons populares perante a ofensiva repressiva destes dias na Galiza

Avalie este item
(1 Voto)
País: Galiza / Repressom e direitos humanos / Fonte: Diário Liberdade

Reproduzimos os comunicados emitidos por quatro entidades do movimento popular galego: Briga, MGS, Galiza Nova e Causa Galiza.

Briga

Perante a vaga repressiva e criminalizadora na Galiza

Ontem acordávamos com a nova da detençom de 9 companheiras, umha delas militante da nossa organizaçom, por terem-se manifestado contra o violento despejo do CSO Escárnio e Maldizer por parte da polícia espanhola.

Hoje, acordamos mais umha vez, com a inquietante nova de que mais 3 companheiras eram detidas pola Guarda Civil; desta volta acusadas de enaltecimento de terrorismo por supostamente terem participado do recebimento ao preso independentista Antom Santos o passado mês de maio.

Ontem chamávamos à participaçom em concentraçons solidárias que se espalhárom por cidades e vilas do país para mostrar a repulsa à repressom e cenificar a profunda crise de legitimidade que sofre o Estado espanhol e o seu braço armado.

Hoje, também chamamos ativamente à solidariedade e mobilizaçom em apoio a Íria, Ugio e Afonso, detidos porque no Estado espanhol o compromisso, a solidariedade, o ativismo social e cultural, a responsabilidade e o amor coletivo nom som valores a preservar mas a perseguir e condenar.

Porque face a violência do Estado representada na perseguiçom, nas detençons, no encarceramento, na intoxicaçom mediática, na cruel difamaçom ou no menos doloroso “porraço”, a juventude rebelde galega ainda acredita no poder transformador do povo.

Porque a vida nom pode ser tam cruel e miserenta, luita e solidariedare ativa.


MGS

Ante as detencións relacionadas coa persecución do C.S. Escarnio e Maldizer

O MGS manifesta a súa solidariedade coas persoas detidas e facemos un apelo ao conxunto do movemento soberanista e popular do noso país a reforzar a mobilización, a axitación social e a difusión de información, ferramentas que poden contribuír para mellorar a súa situación.

Consideramos que as detencións son inseparables do contexto político, inmediato e de máis alcance, no que se sitúan. Dentro do contexto inmediato, o recente desaloxo dun centro social ocupado estivo acompañado dunha intensa protesta, co seu punto central nas dúas manifestacións nas que as forzas de seguridade actuaron con extrema violencia. O movemento da ocupación plantexa numerosas cuestións sobre a propiedade inmobiliaria, o modelo de cidade, os espazos da cultura ou as identidades colectivas en espazos urbanos, mais a maioría dos medios de comunicación transmitiron unha imaxe caricaturesca das protestas en xeral e do centro social en particular, promocionada polos actores máis reaccionarios — moi en particular polo PP compostelán, que tentou utilizar o desaloxo e a protesta como arietes contra o Concello e así recuperar o control da Corporación. Esta criminalización e banalización mediática é un recurso fundamental para o poder, xa que permite aumentar a tolerancia ante detencións como as sofridas no día de hoxe.

Por outra parte, e dentro do longo alcance, temos que salientar que o Estado español vive un proceso de involución democrática con numerosas manifestacións punitivas, que integra distintas formas de vixilancia e persecución de militantes políticos, sindicalistas, activistas e distintos axentes políticos e sociais. Tal e como recoñeceu publicamente o delegado do goberno español, Santiago Villanueva, as forzas de seguridade investigan e actualizan os perfís de centos de persoas, non pola súa implicación en actividades delitivas, senón pola súa participación en manifestacións e outro tipo de protestas aínda legais. A aprobación da Lei Mordaza, aprobada hai dous anos e hoxe aínda vergoñentamente en vigor, deu un maior soporte legal ás restricións de dereitos fundamentais e representa unha ameaza, preventiva primeiro e efectivamente represiva despois, para calquera que queira expresar a súa protesta por calquera consideración política, económica ou social, que se expón a unha sangría económica sen apenas recursos de defensa. A mobilización pola recuperación dos dereitos perdidos e pola súa ampliación é unha necesidade inmediata, inseparable da construción simultánea dun proceso galego de ruptura democrática que supere o réxime español.

Defendemos unha actuación consecuente con estas premisas: extender a solidariedade coas persoas detidas e agrupar o maior número de apoios; difundir e deslexitimar as características da actuación do goberno, de Interior e da Policía Nacional; desenmascarar o relato do PP e os seus aliados arredor destes acontecementos; aprender das adversidades, nacidas e inseparábeis da loita, e tirar proveito deste lamentábel episodio represivo para gañar conciencia nacional e de clase e así reforzar a nosa organización e capacidade de loita, a comezar pola atención aos principais problemas das nosas cidades, que non son en ningún caso os centros sociais, a ocupación ou as protestas sociais. Nin as nosas cidades son un mero produto comercial nin a rebeldía pode ser extirpada con porrazos e xuízos.


Galiza Nova

Perante a represión e a manipulación informativa

Desde Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, denunciamos a vaga de detencións realizadas entre onte e hoxe por parte da Policía Española a persoas de diferentes colectivos sociais polo feito de acudir a mobilizacións e actos políticos respectivamente.

Estas detencións leváronse a cabo nos domicilios das persoas detidas, posto que a policía rastreou a súa asistencia a determinados actos a través de fotografías dos mesmos, algo que se permite facer pola aprobación da Lei Mordaza do Partido Popular e que malia existir unha maioría alternativa no Congreso en Madrid, segue estando en vigor.

Galiza Nova considera ademais que estas detencións neste momento concreto teñen motivacións políticas e rexeitamos profundamente a política de dispersión que se está a realizar con determinadas presas galegas por motivos ideolóxicos e que vai totalmente en contra dos Dereitos Humanos.

Denunciamos así mesmo a mensaxe que están a lanzar os medios de comunicación sistémicos, que transmiten a idea da existencia dun estado contínuo de violencia na Galiza e en concreto na capital da nación totalmente irreal. Ademais tamén denunciamos a interesada relación que se fai desta violencia nos medios de comunicación co movemento de liberación nacional da Galiza, que busca desprestixiar o independentismo e o nacionalismo, ao mesmo tempo que se crea unha situación de alarma entre o pobo galego Toda a operación, conxunta entre os medios sistémicos, a policía española e o estado, busca a desmobilización do pobo galego. Mais o movemento de liberación nacional da Galiza seguirá loitando sen descanso pola liberdade do noso pobo.

CONCENTRACIÓNS ESTE MÉRCORES 21/06/2017:

Compostela, 20:30, Cervantes.
Vigo, 20:30, Marco.
Ourense, 20:30, Praza do Ferro.
Burela, 20:30, Praza do Concello.
Pontevedra, 20:00, Praza da Peregrina.
Lugo, 20:30, Praza Maior.


Causa Galiza

Comunicado de urgência de Causa Galiza à atençom dos meios de comunicaçom

A organizaçom independentista Causa Galiza denuncia a detençom simultánea de, como mínimo, três militantes independentistas galegos nesta manhá em Vila Boa, Ourense e Compostela. As detençons corresponderiam às pessoas de Ugio C., Fonso L. e Íria C., todos com compromissos na solidariedade com os retaliados e retaliadas políticas.

Segundo as nossas informaçons, o operativo policial está dirigido novamente pola 'Guardia Civil' espanhola, demonstrando-se a insistência do instituto armado espanhol na criminalizaçom e persecuçom do independentismo galego.

CAUSA GALIZA quere denunciar, mais umha vez, o tratamento policial e judicial de exceçom de que é objeto neste País a militáncia independentista, com detençons periódicas, processos penais de exceçom, repressom administrativa e económica sistemática, vigiláncia e seguimentos policiais, acossa laboral e, em ocasions, incluso a prisom.

CAUSA GALIZA valoriza que esta estratégia repressiva procura envolver o independentismo galego num bucle eterno sem saída onde o único labor a desempenhar seja a auto-defesa, a denúncia da repressom e o trabalho anti-repressivo, impossibilitando a intervençom social e política "normalizada" e evidenciando ao mesmo tempo a existência dum Estado de Exceçom nom declarado para o setor da sociedade galega que defende sem ambigüidades nem complexos a necessidade de superar o atual quadro jurídico-político espanhol e avançar com passo firme face a independência nacional da Galiza.

CAUSA GALIZA chama a sociedade galega a se mobilizar nas convocatórias que se lancem hoje para denunciar esta nova ofensiva da repressom e impedir o assentamento deste Estado de Exceçom nom declarado que converte a militáncia política em alvo permanente de atuaçons policiais e judiciais.

Apontar, por último, que como organizaçom cuja militáncia está envolvida num processo penal na 'Audiencia Nacional' que se prolonga artificialmente por motivos políticos em direçom aos três anos de limbo judicial, político e vital, apelamos à firmeza e à solidariedade coletiva e ativa para frustar os objetivos de paralisaçom social e política que procura a repressom.

O independentismo galego sairá fortalecido dos golpes da repressom. Nom temos a menor dúvida. A firmeza coletiva e a solidariedade frustrarám os objetivos da repressom.

Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Doaçom de valor livre:

Microdoaçom de 3 euro:

Adicionar comentário

Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.
Aviso sobre Dados Pessoais: De conformidade com o estabelecido na Lei Orgánica 15/1999 de Proteçom de Dados de Caráter Pessoal, enviando o teu email estás conforme com a inclusom dos teus dados num arquivo da titularidade da AC Diário Liberdade. O fim desse arquivo é possibilitar a adequada gestom dos comentários. Possues os direitos de acesso, cancelamento, retificaçom e oposiçom desses dados, e podes exercé-los escrevendo para diarioliberdade@gmail.com, indicando no assunto do email "LOPD - Comentários".

Código de segurança
Atualizar

Publicidade

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: diarioliberdade [arroba] gmail.com | Telf: (+34) 717714759

O Diário Liberdade utiliza cookies para o melhor funcionamento do portal.

O uso deste site implica a aceitaçom do uso das ditas cookies. Podes obter mais informaçom aqui

Aceitar