A CIG e a CUT anunciaron este luns unha nova convocatoria de greve na planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo para rexeitar o aumento da carga de traballo e dos ritmos de produción na liña de montaxe, situación que está a provocar problemas de saúde laboral entre os traballadores/as. Os paros desenvolveranse os sábados dos meses de outubro e novembro, comezando este día 14.
A problemática que se vive no centro de traballo vigués, e que se pode ver agravada coa chegada dos novos modelos, xa motivara unha convocatoria de greve o pasado mes de xuño, daquela promovida tamén por CCOO, sindicato que nesta ocasión optou por desmarcarse a pesar de que a dirección de Citroën continúa sen querer acordar coa representación do cadro de persoal as condicións dos postos de traballo.
Así o trasladaron este luns na rolda de prensa celebrada diante da factoría o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, e o secretario da sección sindical da CIG-Citroën, Manolo Domínguez. “Dende hai anos vimos demandando medidas correctoras e efectivas para paliar que os repartos de traballo contemplan operacións sen tempo suficiente para a súa realización, o que obriga os traballadores/as a esforzarse aínda máis para levalas a cabo”. Segundo denuncian, este desgaste físico e síquico ten como consecuencia problemas de saúde, limitación, estrés, fatiga, etc.
Sinalan que a dirección é consciente de que a diversidade de modelos que implica as furgonetas Berlingo e Partner fai imposíbel que exista un equilibrado perfecto nos postos, pero mes a mes a redución de postos nas liñas segue o seu curso. “Están a preparar o futuro da planta con novos modelos, onde incluso a nova furgoneta vai ter máis diversidade de modelos que até o de agora, o que vai supoñer moitas máis dificultades á hora de configurar os repartos de traballo sen operacións que superen o tempo físico para facelas”.
Mediación e xuntanzas
Como consecuencia desta situación as baixas na empresa non deixan de medrar e cada vez son máis os traballadores/as aos que non se lles recoñecen as enfermidades profesionais ou accidentes, “o que supón un desfalco á Seguridade Social ao ter que soportar os custes desas baixas laborais”.
Paralelamente á convocatoria de greve faranlle unha solicitude de mediación ao AGA e trasladaranlle unha proposta a UGT e CCOO para levar a cabo unha consulta aberta ao cadro de persoal para que poida opinar sobre a cuestión. Tamén pedirán xuntanzas coa Consellaría de Sanidade, co Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) e co Concello de Vigo.