Publicidade

Diário Liberdade

Mostrando itens por tag: saúde mental

Hai tres anos que dende o Movemento Galego da Saúde Mental, na súa primeira declaración, chaman a atención sobre o deterioro progresivo no que se atopaba a atención á saúde mental en Galicia.

Sinalaban como causas máis destacadas dese deterioro os recortes sanitarios e as formas de xestión sen planificación e obstaculizadoras da participación dos profesionais da Sanidade Pública no facer cotián dos servizos e unidades asistenciais. Tamén salientaban que como consecuencia diso se estaba a comprometer a calidade asistencial e a seguridade dos pacientes. Recentes acontecementos na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Médico-Cirúrxico de Conxo materializaron desgraciadamente estes prognósticos. O falecemento dunha paciente por suicidio e a denuncia, uns días antes, dunha agresión sexual por parte doutra paciente (ámbalas dúas ingresadas nesa Unidade) son cuestións de indubidable gravidade que han de entenderse no marco do deterioro antes salientado.

"Cómpre recordar que hai tempo que se vén denunciando publicamente desde diferentes instancias a escasa dotación desa Unidade, a frecuente retirada do persoal de Enfermería da mesma para cubrir necesidades doutros servizos do mesmo hospital (tamén debilitados polos recortes de persoal), a escasa actividade dos pacientes ingresados, a carencia de Terapeuta Ocupacional no equipo, a falta de medios para a coordinación e elaboración de plans terapéuticos nos que participen e se coordinen todos os profesionais, e a repetición de agresións ó persoal. Pola contra, por quen ten a obriga de dirección e xestión, nada se fixo ante estas carencias e advertencias para corrixir o arriscado rumbo que se estaba a seguir", din do MGSM.

Os acontecementos que motivan o comunicado público do MGSM teñen unha dolorosa dimensión humana. Se se poden previr, non poden aceptarse silenciándoos ou permanecendo pasivos ante os mesmos, e menos aínda por profesionais da saúde mental. A sociedade ten dereito a saber o que ocorre nos servizos públicos que sustenta co seu esforzo. Feitos así deben ser coñecidos publicamente, e tamén han de ser tratados polos responsables do SERGAS como graves indicadores de que algo vai moi mal na atención á saúde mental. A súa prevención futura esixe a adopción de inmediato das medidas oportunas, recollendo as contribucións dos profesionais, en particular de Enfermería, para a mellora da calidade da hospitalización psiquiátrica. E iso non se logrará con meras medidas de reforzamento do control dos pacientes ou de aumento da coerción sobre os mesmos. Polo contrario, esa prevención debe realizarse reforzando a finalidade terapéutica da hospitalización e o respecto aos dereitos fundamentais das persoas, dotando de profesionais suficientes e coa cualificación adecuada a esas Unidades (con especial urxencia debe dotarse a terapia ocupacional e profesionais de enfermería), implantando nelas formas de traballo participativas e coordinadas entre todos os profesionais, definindo protocolos e instrucións de traballo claras ante os potenciais riscos, e rexistrando documentalmente de xeito sistemático a actividade desenvolvida por tódolos profesionais que prestan asistencia.

Diversos compoñentes da calidade asistencial na sanidade se viron afectados pola xestión que se fixo da crise económica. En concreto, nos casos que aquí denuncia o MGSM destacan as intolerables carencias na garantía de seguridade das persoas cando reciben atención sanitaria, a vulneración do seu dereito a tratamentos e coidados sanitarios acordes cos coñecementos actuais e en igualdade cos demais pacientes e usuarios, e o escaso respecto aos seus dereitos fundamentais e sanitarios.

Publicado em Galiza

Cando parecía que a cuestión dos denominados “sen teito” (persoas sen fogar, algunhas das cales viven na rúa) estaba a solucionarse en Santiago, a Valedora do Pobo vén de despacharse cunhas declaración públicas radicais e agresivas, tanto contra as persoas que se atopan nese estado como contra o Goberno do Concello de Santiago, explica o Movemento Galego de Saúde Mental (MGSM)

Publicado em Galiza
Quarta, 16 Novembro 2016 07:06

Saúde mental em Vigo: menor dotaçom impossível

O pasado mes de abril, profesionais asistenciais adscritos ás unidades psiquiátricas de hospitalización, situadas no Hospital Nicolás Peña do Complexo Hospitalario de Vigo (SERGAS), dirixíronse á Xerencia da Área expoñéndolle a insuficiente dotación da Unidade Residencial, argumentando que ter unha soa profesional na quenda da noite para atender as necesidades que puidesen presentar as dezasete persoas ingresadas na mesma era claramente insuficiente, e reclamaban unha maior dotación profesional.

Publicado em Galiza

Este luns 10 de outubro, co gallo do Día Mundial da Saúde Mental, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) organiza unha xornada na que a pobreza será a protagonista. Comezará ás 17 horas e desenvolverase na Aula Castelao da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, inaugurada pola concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde do Concello de Santiago, Concepción Fernández, e a psicóloga clínica Rosa Cerqueiro Landín. 

Publicado em Galiza

Despois de máis de tres meses do comezo da campaña Badaladas pola prevención do suicidio, cando xa se estendeu o seu son ao longo de Galicia o pasado 30 de xuño, cando ao fin se recoñeceu pola Consellería de Sanidade a necesidade dun plan de prevención, e recollido xa nos programas de goberno das forzas políticas que han de ser a alternativa na Xunta o compromiso de elaborar e aplicar ese plan de prevención, o vindeiro 10 de setembro, no Dia Mundial para a Prevención do Suicidio, o Movemento Galego de Saúde Mental (MGSM) dará a última badalada en Praterías.

Publicado em Galiza

Hai máis de dous meses que o Movemento Galego de Saúde Mental denunciou a situación inaceptable na que se atopa a hospitalización de saúde mental infantil e xuvenil da poboación da zona sur de Galicia: as condicións intolerables e antiterapéuticas que infrinxen a legalidade, a vulneración de dereitos da infancia, a carencia de plans e de recursos e dotacións axeitadas, o incumprimento de promesas electorais e das realizadas polos xestores do novo hospital, etc.

Publicado em Galiza

O Movemento Galego da Saúde Mental realiza o acto simbólico Badaladas pola Prevención Suicidio, na reivindicación dun plan galego de prevención. Este xoves asiste á Badalada o secretario xeral da CIG, Suso Seixo.

Publicado em Galiza

Hai agora un ano fíxose publicidade oficial da posta en marcha, cando se iniciara o funcionamento do Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, dunha Unidade de Hospitalización de Saúde Mental para poboación infantil e adolescente con seis prazas, que sería referencia para a hospitalización desa poboación das provincias de Ourense e Pontevedra.

Publicado em Galiza

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Ritech

O Diário Liberdade utiliza cookies para o melhor funcionamento do portal.

O uso deste site implica a aceitaçom do uso das ditas cookies. Podes obter mais informaçom aqui

Aceitar