Publicidade

Diário Liberdade
Quinta, 05 Outubro 2017 08:42 Última modificação em Terça, 10 Outubro 2017 23:19

'Plataforma Galiza com Catalunha' parabeniza o povo catalám e anuncia acompanhamento do processo de independência

Avalie este item
(0 votos)
País: Galiza / Direitos nacionais e imperialismo / Fonte: Diário Liberdade

Em comparência pública, representantes da plataforma galega que vem organizando mobilizaçons em apoioi à autodeterminaçom catalá anunciárom que continuarám a acompanhaer e apoiar os passos do povo catalám até a sua independência.

Reproduzimos o comunicado difundido com motivo da conferência de imprensa:

Comparência da Plataforma Galiza con Catalunya

Á vista dos acontecementos da xornada do domingo día 1 en Catalunya, as diversas organizacións sociais, políticas, sindicais e culturais de Galiza que facemos parte da Plataforma Galiza con Catalunya queremos parabenizar o pobo catalán pola enorme determinación e pola lección de dignidade e civismo demostrada durante toda a xornada de votación. Máis aínda á vista de como o Estado pretendeu, por todos os medios, de impedir e deslexitimar o referendo. As xentes de Catalunya non só mantiveron un comportamento consecuente durante toda a xornada e durante os meses previos de mobilización, senón que demostraron entender perfeitamente cal é a esencia da democracia: que, no caso de conflito entre democracia e legalidade, é esta última a que debe ser modificada, tal e como manifestou a ONU nos días previos ao 1 de outubro.

A brutalidade das actuacións da Garda Civil e da Policía española, o regueiro de persoas feridas que deixaron e as imaxes que están hoxe a escandalizar o mundo malia seren negadas polos principais axentes mediáticos non poden ficar impunes. Tampouco poden servir para argumentar que un outro goberno español tería actuado doutro xeito, porque, como foi demostrado unha e outra vez, non se dan no Estado español as condicións necesarias para o exercicio da libre determinación dos pobos. Mais, sobre todo, do que non poden servir é de escusa para non recoñecer o resultado do referendo. Antes ao contrario. A pesar do caos que esas forzas crearon, de maneira propositada, e a pesar de que a súa operación tiña como obxectivo prioritario espallar un medo paralisador e desmobilizador e, en segundo termo, derivar na propia deslexitimación do resultado, o certo é que o pobo catalán acudiu ás urnas e as defendeu e que a práctica totalidade dos colexios funcionaron con toda a normalidade exixíbel nun clima de excepción como o instalado polo Estado. Polo tanto, lonxe de relativizar a validez dos resultados, as vergoñentas circunstancias en que se produciron lévannos, ao contrario, a lles dar aínda unha maior lexitimidade. Se, ademais, do total de votos contabilizados, máis de 90% foron favorábeis a que Catalunya se transforme nun Estado independente en forma de República, a vontade popular está claramente definida e á vista, e só pode ser recoñecida con todas as súas consecuencias, que pasan pola próxima proclamación da República Catalá nos prazos e condicións que a lexítima representación do pobo catalán defina.

A aparición pública do Xefe do Estado, Felipe VI, para facer unha declaración oficial da Casa Real sobre a situación política de Catalunya corroborou novamente que o Estado español apostou única e definitivamente pola vía represiva. Sen entender a profundidade e o alcance do acontecido nos últimos anos en Catalunya a posición de Felipe VI converteuse nunha sucesión de ameazas contra o pobo catalán e a súa lexítima representanción política e institucional.

A realidade é que a pesar de causarnos todo o rexeitamento, as palabras do monarca español a estas horas xa non teñen mais efecto que o de declaración formal porque Catalunya xa ten en marcha o proceso que, de acordo coa Lei de Desconexión aprobada no Parlament, rematará coa declaración de Independencia e a constitución da República Catalá.

Catalunya leva xa días, en realidade anos, desconectada dun Reino de España que non soubo atender as demandas maioritarias do seu pobo e pactar un proceso que dese voz e voto e determinara a vontade popular. O independentismo sempre deixou claro, que de se arbitrar tal proceso que rematara nun referendo vinculante, aceptarían o resultado fora este o que fora. O estado español nunca aceptou nen a mínima posiblidade de discusión sobre esa vía pactada. Optaron por se agochar detrás da Constitución Española e non dubidaron en tentar impedir o dereito a decidir por todos os medios até rematar no uso indiscriminado da violencia que avergoñou ao mundo o pasado domingo, como último recurso para imposibilitar o referendo e deslexitimar o seu resultado.

Desde Galiza, a Plataforma Galiza con Catalunya, que agrupa xa mais de trinta organizacións e que continúa a sumar incorporacións, vén desenvolvendo nas últimas semanas unha intensa actividade de apoio a este referendo. O do día 20 de setembro realizamos mobilizacións para denunciar as detencións de altos cargos da Generalitat, a incautación e persecución de papeletas, cartaces e infraestrutura para o referendo. Estas concentracións congregaron varios milleiros de persoas nas sete cidades galegas. O día 30 unha grande mobilización nacional polo dereito a decidir e a democracia reuniu máis de 6.000 persoas na capital do país, sendo vergoñentamente silenciada por quen durante anos se ten dedicado a manipular a opinión pública galega. E no propio día do referendo, á vista da violencia estatal e da represión do dereito ao voto, novamente mobilizacións de urxencia encheron as rúas galegas de indignación e solidariedade: varios milleiros en manifestacións en Vigo, Compostela e A Coruña e grandes concentracións tamén en Ourense, Ferrol, Pontevedra, Lugo e Burela. E onte mesmo realizaronse cazoladas nas cidades galegas e na vila da Guarda.

Desde a Plataforma Galiza con Catalunya, defendemos a lexitimidade dos resultados dun referendo que tivo todas as garantías legais posíbeis nun contexto onde o máis básico, como ter censo, urnas ou papeletas de votación foi unha auténtica empresa colectiva que contou con milleiros de persoas autoorganizadas, frente a unha situación de auténtico bloqueo e acoso político, institucional, xudicial e policial.

Anunciamos que acompañaremos o proceso que levará á independencia de Catalunya con mobilizacións convocadas por esta plataforma. O propio día en que se emita a declaración que formalice a constitución da República Catalá sairemos para celebrar a consecución da independencia, e, en caso de que o Estado Español persista na súa actitude represiva e o faga impedindo que se proclame, sairemos tamén para condenar tal feito.

Neste momento histórico, cando se está a dar no Parlamento Galego o debate sobre o estado da nación, lamentamos profundamente que o Presidente da Galiza non actúe como tal, prefira criminalizar a exerción digna do dereito de autodeterminación do pobo catalán, e non reivindique ese mesmo dereito para Galiza como nación que é. Todos os pobos teñen dereito a decidir libremente o seu futuro. Acreditamos no dereito de autodeterminación de Catalunya, igual que, como organizacións galegas, acreditamos e loitamos polo dereito de autodeterminación da Galiza.

Compostela, 5 de outubro de 2017.

Mais informaçom no blog da plataforma

Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Doaçom de valor livre:

Microdoaçom de 3 euro:

Adicionar comentário

Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.
Aviso sobre Dados Pessoais: De conformidade com o estabelecido na Lei Orgánica 15/1999 de Proteçom de Dados de Caráter Pessoal, enviando o teu email estás conforme com a inclusom dos teus dados num arquivo da titularidade da AC Diário Liberdade. O fim desse arquivo é possibilitar a adequada gestom dos comentários. Possues os direitos de acesso, cancelamento, retificaçom e oposiçom desses dados, e podes exercé-los escrevendo para diarioliberdade@gmail.com, indicando no assunto do email "LOPD - Comentários".

Código de segurança
Atualizar

Publicidade

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Ritech

O Diário Liberdade utiliza cookies para o melhor funcionamento do portal.

O uso deste site implica a aceitaçom do uso das ditas cookies. Podes obter mais informaçom aqui

Aceitar