Publicidade

Diário Liberdade
Terça, 07 Fevereiro 2017 11:09

O prezo da enerxía eléctrica

Avalie este item
(0 votos)
Roberto Laxe

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

[Roberto Laxe] O prezo da electricidade disparouse neste mes de xaneiro, un do de máis consumo, un 50%, a pesar de que o goberno mantén conxelada a parte da tarifa que lle corresponde, os impostos e subvencións que a gravan. Esta disparatada subida súmase á que xa se produciron desde a privatización da enerxía eléctrica polo goberno de Aznar.


A bolsa ou a vida, literalmente

O prezo da electricidade disparouse neste mes de xaneiro, un do de máis consumo, un 50%, a pesar de que o goberno mantén conxelada a parte da tarifa que lle corresponde, os impostos e subvencións que a gravan. Esta disparatada subida súmase á que xa se produciron desde a privatización da enerxía eléctrica polo goberno de Aznar.

Desde os máis diversos medios políticos e de comunicación, fanse todo tipo de recomendacións para “aforrar” no uso da enerxía, coma se o problema fóra de malgasto individual, e non dun sistema absolutamente liberalizado, que deixa en mans das empresas fixar os prezos. Como afirmou o presidente de UNESA, a patronal eléctrica, nun alarde de psicopatía (clinicamente un psicópata é aquel ser humano que non empatiza co sufrimento que xera), quen non poida pagala, “que San Pedro lla bendiga”.

Mentres miles de persoas, os máis vulnerables como os pensionistas, ven abocados ao frío, o presidente Rajoy  na sua liña psicópata de non facer nada cando é o pobo traballador o que sofre, encomendouse á “choiva” e ao “vento” para que baixe o prezo. Sr Rajoy parece mentira que sexa galego, porque de selo de verdade (en realidade é un cipaio), en Galiza deberíannos devolver pola enerxía que consumimos, pois a choiva e o vento é o noso aceno de identidade. Ademais do feito certo de que producimos o 38% da enerxía que se xera en todo o Estado.

Como chegamos a esta situación

A privatización imposta polo goberno Aznar liberalizou o mercado eléctrico, deixándoo en mans dun verdadeiro oligopolio, controlado por cinco grandes compañías de xeración e comercialización: Endesa, Iberdrola, GasNatural/Fenosa, HC Enerxía e E.On, profundamente ligadas aos grandes bancos -o capital financeiro en sentido leninista- como o BBVA, Caixa Bank, BSCH, Abanca,... e nun 50% en mans de capital non español, como a italiana Enel que controla Endesa, E.On que é alemá ou HC Enerxía en mans chinesas.

É este oligopolio o que controla a formación dos prezos a través dun alambicado mecanismo de compravenda de enerxía dia a día, o chamado mercado almacenista diario, que é o que afecta á poboación no consumo; hai outros mercados para grandes consumidores como as plantas de aluminio ou Renfe, ou medianas industrias, que teñen outras regras. A garantía da transparencia e a obxectividade deste proceso como non podía ser doutra maneira para os neoliberais, está en mans dunha empresa privada, o Operador do Mercado Eléctrico (OMIE).

Por tentar sintetizar este complicado mecanismo, é o seguinte. O mercado diario celébrase o día anterior ao da entrega da enerxía, e nel os compradores e vendedores trocan a mercancía (a enerxía medida en MW) para cada unha das horas do día seguinte. Así, neste mercado hai 24 “produtos” diferentes, a enerxía que se corresponde coas 24 horas do día seguinte.

Os vendedores (xeradores, importadores, etc.) presentan ofertas de venda, e os compradores (comercializadores, cooperativas de consumidores, intermediarios, etc.) presentan as demandas ao OMIE para cada hora do dia seguinte. Con estas ofertas e sobre a demanda, constrúense curvas de oferta e demanda... Do cruzamento entre ambos resulta o prezo do mercado para cada hora, que se corresponde co prezo máximo ofertado, “casado” coa demanda nunha hora en concreto.

Segundo din desde o goberno e o sector, este complicado mecanismo quere garantir o que en economía capitalista chámase, “asignación eficiente” dos recursos. É dicir, que ás empresas garánteselles que ao ir ao mercado, van obter beneficios, e que a mercadoría (a enerxía eléctrica) distribúese ao conxunto da sociedade.

Pero o prezo da electricidade ten outro compoñente que agrava a situación; son os impostos que a gravan. Ademais das subvencións que as empresas reciben polos investimentos feitos, e non rendabilizadas (déficit de tarifa) que pagamos entre todos, un ben básico nas sociedades actuais como a enerxía soporta un IVE do 21%.

O IVE é, por definición, un imposto que só pagamos os asalariados / as. Vexamos. Calquera empresario, desde un autónomo até Amancio Ortega, cando actúa como empresario, non como consumidor final, pode desgravar o IVE das súas compras, pois o que en realidade é o “pago do IVE” do que tanto se queixan, non é máis que dicirlle a Facenda, “recadei tanto en IVE polos meus traballos nestes meses, toma, aí telo”.

Os asalariados / as non teñen esta oportunidade, porque non teñen facturas que desgravar ante Facenda; só teñen nomeas, e esas non desgravan o IVE, sopórtano. Por iso, que un ben de primeira necesidade como a enerxía eléctrica soporte un IVE do 21%, non só é inxusto; senón que é un saqueo máis que o capital, a través dos seus gobernos, fai dos salarios da clase traballadora.

A enerxía eléctrica é unha mercadoría coa que especulan

A enerxía eléctrica é unha mercancía, é dicir, un produto do traballo humano que se mide en MW, Kw, etc. Hai tempo de traballo socialmente necesario para a súa produción e distribución; nas centrais térmicas, sexan tradicionais de carbón (quedan poucas no Estado Español), de ciclo combinado (carbón e gas) ou de gas, nas centrais nucleares, nos encoros, os centros eólicos ou solares, é o criterio que debería determinar o prezo real da mercadoría. Son as grandes xeradoras de enerxía, o cinco mencionadas máis arriba, as que se benefician da explotación dos traballadores e traballadoras desas centrais e a formación alambicada dos prezos no Estado Español o que busca é, a partir destes beneficios, elevalos máis a través da especulación.

Cando os vendedores de enerxía van ao mercado almacenista diario establecen o que eles chaman, un prezo de oportunidade; é dicir, esas empresas teñen máis opcións que vender enerxía cando lles conveña. Poden, ou ben revender o combustible a un terceiro ou os dereitos de emisión de CO2 (negocio establecido no supostamente ecolóxico Pacto de Kioto), no caso de que sexa un combustible consumible como o gas ou o carbón, ou ben esperar a que suba o prezo da enerxía, como o caso da auga dos encoros ou o aire dos eólicos. De calquera das maneiras, as empresas xeradoras teñen nas súas mans especular co prezo, revendéndoo, esperando, ... para cando os prezos sexan rendibles. Que á poboación traballadora iso supóñalles un esforzo nos seus salarios, como dixo o xefe UNESA, que “san pedro bendígalla”; e a isto chámanlle “asignación eficiente dos recursos”.

Expropiación baixo control obreiro, e prezos xustos

Ante a escalada especulativa dos prezos dun ben básico e un sector estratéxico para a economía dun estado, a única saída crible é a esixencia da nacionalización das empresas xeradoras e comercializadoras de enerxía. A distribución xa é semi estatal a través da Rede Eléctrica Española (REE). O sistema oligopolico que deixa en mans da empresa privada a xeración de electricidade, non só demostrouse un fracaso na “asignación eficiente de recursos”, senón que é un lastre para o desenvolvemento da sociedade: son estas empresas as que frean sistematicamente calquera avance na implantación de enerxías renovables ou desenvolvementos tecnolóxicos como a pila Tesla. Supón, ademais, un aumento dos prezos golpeando nos salarios e as rendas máis baixas como pensionistas, parados, etc., e é un freo para sectores sociais como os autónomos e pequenas empresas, que ven obrigados a facer un desembolso suplementario a maior gloria de grandes compañías e banqueiros.

Por estes dous motivos, a única perspectiva posible é a expropiación das compañías eléctricas, e polas baixo control dos traballadores / as das centrais e das organizacións sociais, que rompa coa especulación, e a través da planificación democrática da economía, permita establecer uns prezos xustos; seguindo o exemplo que comezaron a dar os traballadores / as da electricidade francesa, cando nas folgas do pasado ano, cortáronlle a luz aos ricos, e conectaban aos pobres que non podían pagala. Demostraron que outra forma de “asignación dos recursos” é posible... A que poña un sector básico para a sociedade como é a electricidade ao servizo das necesidades sociais e non dos beneficios empresariais.

Obviamente, nin os beneficiarios das “portas xiratorias”, con Felipe Gonzalez e Aznar á cabeza, nin os gobernantes actuais, nin moito menos os xefes da industria, admitirían medidas deste tipo... Se queremos percorrer este camiño, non serven de nada protestas virtuais e simbólicas como os “apagamentos”, senón que é imprescindible a mobilización na rúa da poboación traballadora contra esta flagrante transferencia de diñeiro aos petos de banqueiros e empresarios. Ante as novas subidas que se van a producir, a cobiza da industria non ten fin, as organizacións obreiras e populares, comezando polos propios traballadores / as da industria, teñen que pórse á tarefa de organizar a resposta.

Os mexicanos levan dias loitando contra o “gasolinazo”, para cando a loita contra o “tarifazo eléctrico?”

Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Doaçom de valor livre:

Microdoaçom de 3 euro:

Adicionar comentário

Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.
Aviso sobre Dados Pessoais: De conformidade com o estabelecido na Lei Orgánica 15/1999 de Proteçom de Dados de Caráter Pessoal, enviando o teu email estás conforme com a inclusom dos teus dados num arquivo da titularidade da AC Diário Liberdade. O fim desse arquivo é possibilitar a adequada gestom dos comentários. Possues os direitos de acesso, cancelamento, retificaçom e oposiçom desses dados, e podes exercé-los escrevendo para diarioliberdade@gmail.com, indicando no assunto do email "LOPD - Comentários".

Código de segurança
Atualizar

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: diarioliberdade [arroba] gmail.com | Telf: (+34) 717714759

O Diário Liberdade utiliza cookies para o melhor funcionamento do portal.

O uso deste site implica a aceitaçom do uso das ditas cookies. Podes obter mais informaçom aqui

Aceitar